Volver ao contido
12/11/2023 18:00
Intérpretes: Sara Rodríguez e Carlos Tomico
SINOPSE:
Por que hai máis magos que magas? É certo que estamos afeitos a ver magos, pero tamén teñen existido e existen hoxe moitas mulleres magas. Da man de Sara Rodríguez e Carlos Tomico, chega A igualdade non ten truco, un espectáculo divertido e máxico para todos os públicos que transmite ademais unha mensaxe esencial para a sociedade actual: promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas.
Unha maga e un mago forman este dúo para realizar misterios e imposibles que ademais nos levarán por diferentes ideas e conceptos do feminismo e da igualdade de xénero. Viaxes e transformacións inexplicables, un conto de fadas reinventado, ou unha volta atrás no tempo á época das primeiras e máis importantes magas; son algúns exemplos do que poderedes ver neste espectáculo cheo de sorpresas ata o final, onde nada é o que parece.
Unha aventura máxica na que descubriremos que, efectivamente, a igualdade de xénero non ten truco ningún.
Xénero: maxia
Idioma: galego
Idade recomendada: familiar, a partir de 6 anos
Duración: 60 minutos